ENCONTROS AISGE CON ACTORES E ACTRICES

 

Os encontros de AISGE convertéronse nun dos grandes clásicos do festival de Cans. Trátase dun ciclo de tres coloquios que poñen en valor o traballo de actores e actrices e constitúen un lugar de intercambio de ideas tamén entre profesionais da interpretación. Neles, rescatamos as figuras de intérpretes esquecidos, debatemos cuestións que fagan avanzar a profesión ou, noutros casos, lembramos efemérides relevantes. Un espazo ideado para achegar ao público o menos visible do oficio dos e das intérpretes e para reflexionar sobre o seu papel na industria audiovisual.

De María Casares a nós

Mércores 18 | 11.30 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas

María Casares é un referente do teatro europeo do século XX, unha muller adiantada a súa época. Cal é a influenza desta artista nas actrices contemporáneas? Falaremos coas intérpretes Lidia Veiga, Mariana Carballal, Sabela Hermida e Melania Cruz. Actualmente, a actriz Melania Cruz ensaia Continente María, un diálogo escénico con María Casares, e Sabela Hermida está en xira interpretando a actriz na obra teatral Política Sentimental.

100 anos da nosa máis grande actriz: María Casares

Xoves 19 | 12 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas

Coloquio dedicado á figura de María Casares, da que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento. Casares (A Coruña, 1922- Charente, Francia 1996) é, con seguridade, a máis grande actriz nacida en Galicia. Afondamos na súa figura, especialmente na súa relación co cinema, e na súa traxectoria en Francia. Para iso contaremos coa presenza da actriz e estudosa de María Casares, Sabela Hermida, e do escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.

E despois do Goya, que?

Venres 20 | 11.30 h. | Baio de Carlos
Capacidade: 75 persoas

Tamar Novas e Chechu Salgado teñen un nexo común. Os dous gañaron o Goya ó actor revelación. O primeiro en 2005 por Mar Adentro de Alejandro Amenábar, e o segundo en 2022 por Las Leyes de la frontera, de Daniel Monzón. Este será o punto de partida do coloquio: ¿Que cambia despois de ter recibido un Goya como actor revelación?, ¿Como pode afectar á carreira dun actor? Unha testemuña de primeira man con dous dos actores do momento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

five × 2 =