CAFÉ CON CREA
Asociación de directores e realizadores de Galicia

 

Coloquio con João Nicolau, coa presenza de Fon Cortizo e Noemí Chantada de CREA.

Venres 20 | 10 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas

O Festival de Cans e o grupo Dromedario convidan a un café e acollen un novo encontro en colaboración con CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización. Nesta edición acompañaranos o director, montador, músico e actor lisboeta João Nicolau, a quen lle dedicamos a retrospectiva internacional.

Nacido en Lisboa en 1975, Nicolau é un dos realizadores máis brillantes do novo cinema portugués. As tres longametraxes que rodou ata o momento – entre as que destaca John From, merecedora de numerosos galardóns— plasman unha mirada aguda e intelixente, con evocacións máxicas, unha música de fondo moi coidada e unha fina liña de humor sempre presente. Os seus filmes estiveron en competición nalgúns dos certames máis prestixiosos do mundo, como Cannes, Venecia, o BAFICI de Buenos Aires ou Locarno. As tres longas citadas proxectaranse os días 12, 13 e 14 de maio no Centro Cultural Municipal e, xa na semana do festival, recuperaremos as súas curtametraxes, na nosa liña de dar visibilidade a autores que comezaron a súa carreira no mundo das curtas. Nicolau tivo un gran debut coa súa primeira curta, Rapace (2006), elixida en Cannes e coa que acadou numerosos premios por todo o mundo. Na actualidade traballa na película de ficción A providência e a guitarra e no documental John in Christ, do que ofreceremos un avance na sección Fillas e Fillos de Cans.

Gozaremos da conversa de João coa realizadora viguesa Noemí Chantada, gañadora con Xoves de Comadres da edición de hai dous anos do festival de Cans; máis o cineasta Fon Cortizo, de quen tivemos ocasión de coñecer o seu film 9 Fugas neste mesmo festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

three × 1 =