A que andas?

Venres 20 | 13.30 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas

Coa presenza de Rafa de los Arcos, Noelia Muíño, Samuel Lema, Miguel Ángel Delgado, Javier Tolentino e Olga Osorio

“A que andas?” é unha pregunta moi galega e ao mesmo tempo que se fai moito dentro do audiovisual para saber que andan a argallar os cineastas e en que punto están os proxectos que se cocen. De aí nace esta proposta nosa, que pretende poñer en valor os guións, a palabra escrita e, ao mesmo tempo, que se empece a falar dos filmes que se rodarán en pouco tempo. Unha actividade en colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).

O PESADELO DAS VACAS Dirección e guión: Rafa de los Arcos Producida por: Matriuska Filmes Vai de: Hai xa tempo que Celia sospeita que herdou a enfermidade dixestiva do pai, Roi. Os dous levan enriba constantemente unha inmensa dor. Unha noite, todo o pequeno turbulento mundo de Celia queda arrasado, cando Roi asasina á súa muller e suicidase diante dela. Sen ser quen de dixerir o acontecido, Celia queda soa nunha defensa desquiciada da memoria dun home que foi pai amoroso e asasino. Entre tanto odio xurde entón en Celia unha dúbida…e se tivera herdado dun asasino algo máis ca unha enfermidade dixestiva?  Estado: En desenvolvemento.

VIAJE AL BOSQUE OLVIDADO Dirección e guión: Noelia Muíño Vai de: Paula é unha nena que vive nun pobo de Galicia nos anos 90 e que coida do seu irmán Pablo, con síndrome de Down. Un día, un estraño ancián chamado Tobolcaín regálalle un amuleto a Paula que a transporta ao Bosque Esquecido, onde habitan criaturas máxicas. Porén, o irmán aparece tamén no bosque, frustrando a súa fuxida. Guiada polo rapaz lobo Bobbi, Paula axudaralle a salvar as criaturas máxicas da inminente desaparición, ao tempo que intenta atopar o seu lugar no mundo. Estado: En desenvolvemento.

UN PASADO POR DELANTE Dirección: Olga Osorio. Guión: Olga Osorio e Araceli Gonda. Vai de:  A idea de guión parte de Einstein-Rosen a multipremiada curtametraxe da autora que tamén triunfou no Festival de Cans. Este será o debú na longametraxe de Olga Osorio. O filme será producido por Vaca Films e os seus dereitos xa foron mercados por TVE. Estado: En fase de preprodución, con rodaxe prevista despois do verán.

LÍA Dirección e guión: Samuel Lema Producida por: Matriuska Filmes Vai de: O drama dunha rapaza skater, amante do manga e sometida a acoso. Un filme “metade drama, metade road-movie”, segundo o realizador  Estado: Versión avanzada de guión.  

SAN SIMÓN Dirección e guión: Miguel Ángel Delgado Producida por: Miramemira e Morelli Vai de: A historia desta illa da Ría de Vigo, clave na lírica galego-portuguesa, mais tamén cunha historia negra como campo de concentración e de prisoneiros durante a Guerra Civil. Estado: O filme rodarase nos próximos meses tras ser adiado por mor da pandemia.

MAR ROJO Dirección e guión: Javier Tolentino Produción: Paloma Zapata Producida por: La Fábrica Naranja Vai de: Javier Tolentino propón unha viaxe poética e transatlántica desde unha Cataluña aberta e dialogante ata o outro lado do Atlántico, a través dos versos de Marina Rossell. A película comeza cos inicios da composición dunha nova canción de Rossell e remata cando a presenta no Liceu de Barcelona, dirixíndose ao público. Durante a viaxe, visitamos o París da alcaldesa Anne Hidalgo, nun diálogo con outra alcaldesa, Ada Colau, e ao México máis auténtico de Guanajuato. Estado: Buscando alianzas e coprodutores, en especial en México, onde xa ten o apoio das autoridades de Guanajuato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

two × one =