12.000 persoas asisten ao Festival de Cans na súa edición con programación máis ambiciosa

A décimo quinta edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a unhas 12.000 persoas que esgotaron todas as sesións con entradas á venda, ben anticipadamente ou durante a celebración do evento. Sigue quedando patente deste xeito a existencia dun público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e interxeracional.

O Festival continuou apostando polo reforzo da programación do mércores e a programación do xoves, aumentada nesta edición para conseguir atraer a xente xa dende os primeiros días do Festival ata o centro do Porriño. Malia o tempo inestable do xoves, as numerosas actividades programadas encheron a Praza do Concello do Porriño e o Círculo Recreativo e Cultural. A Noite Gía dos Videoclips erixiuse como unha das máis existosas e variadas na historia do Festival e, os cociñeiros Mahou Lucía Freitas e Beni Cousoatraeron a público xa dende a metade da tarde ata a celebración do concerto de Esteban & Manuel, co que rematou a xornada.

A nosa sección MiniCans e o Parque do río, o espazo pensado para os máis pequenos e pequenas, consolidouse como o gran punto de encontro para as familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol. No tocante á parte da programación pensada para os cativos, tanto o espectáculo do dúo Polo correo do vento coma o concerto de Magín Blanco, o Therefilme de Paulo Nimoy ou o espectáculo do Mago Paco foron un auténtico éxito. Ademais, polo noso Cans do Futuro e o Roteiro literario con Carlos Meixide pasaron preto de 1.200 escolares e estudantes de escolas e institutos.

Espazo Mahou na Leira de Alicia continúa sendo un dos maiores puntos de encontro do Festival, con xente de xeito estable dende primeira hora ata a noite. Cómpre destacar o grande éxito que acadou o concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro -que reuniu a 500 persoas- ou a proxección do documental que el mesmo protagonizaba: Casamance: la banda sonora de un viaje, dirixido pola realizadora Paloma Zapata e que tamén esgotou todas as súas entradas semanas antes da proxección.

A zona volveu ser escenario do noso terceiro “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso (ficción, animación e Furacans) e ExtraCans (sección internacional) presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual. Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveron nesta ocasión dous dos nosos habituais Coloquios na Leira,protagonizados nesta ocasión polos cineastas Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que completaron o aforo do espazo.

Na liña dos coloquios e encontros, aos anteriormente citados temos que sumarlles tamén o noso II Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips, o café con CREA -que contou coa presenza do director e guionista Borja Cobeaga– ou os coloquios con AISGE, aos que asistiron Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, Mariana Carballal, Berta Ojea, Nieves Rodríguez, Nieve de Medina e Tamara Canosa. Nesta edición, o festival quixo tamén incorporar unha masterclass á súa programación contando co experto da Universidade de Vigo Pablo Romero-Fresco e o cineasta galego Alfonso Zarauza para abordar o papel do subtitulado como ferramenta para a diversidade cultural en relación ao audiovisual.

Grandes momentos de Cans 2018

As nosas seccións A que andas? e Fillos e Fillas de Cans continúan a darnos os mellores adiantos do que está a pasar no noso audiovisual. Nelas puidemos visionar as primeiras imaxes de Arima, de Jaione Camborda; ou os primeiros cinco minutos de La sombra de la ley, de Dani de la Torre, que amosou en exclusiva a produtora Emma Lustres.

Os concertos de BurningFamilia Caamagno e Triángulo de Amor Bizarroforon multitudinarios e encheron o Torreiro ata a bandeira, cun entregadísimo público de todas as idades. Ademais, os asistentes tamén responderon de xeito positivo en todas as actividades dos espazos de programación paralela do Festival: o Cans Voulevar, a o Cuberto de Mucha do Peso, o Baixo de Bugarín ou o Jalpón de Alicia.

Por outra banda, nesta edición a organización inaugurou tamén un novo espazo: O Cuberto e o Invernadoiro de Mucha do Peso. Este lugar, que estivo ateigado de xente durante os concertos de Kevin Weatherhill e Pantis, posicionouse como un dos favoritos dos asistentes e terá continuidade en próximas edicións do Festival de Cans.