XURADO FICCIÓN E ANIMACIÓN

 

Andrés Goteira. Director e guionista.

Co seu primeiro filme Dhogs pasou por certames da importancia do Festival Internacional de Sitges ou o BAFICI de Bos Aires. Nos Mestre Mateo de 2018 bateu o récord de premios ao conseguir nada menos que 13 galardóns. Na actualidade prepara a súa segunda película da que presentará un avance de guión en A que andas?

Cris Iglesias. Actriz.

Cris Iglesias é un das actrices máis prometedoras do panorama galego actual. Forma parte do elenco da obra teatral Eroski Paraíso, cuxa adaptación cinematográfica se presenta nesta 16ª do Festival de Cans. Ten tamén participado en series como Fariña ou Serramoura.

Juanjo Giménez. Director e guionista.

É o único director do mundo que pode presumir de ser galardoado en Cannes e Cans. Este director catalán gañou en 2016 a Palma de Ouro en Cannes coa peza Timecode, coa que tamén conseguiu ser finalista dos Oscar na categoría de Mellor Curtametraxe. En 2009 gañou o Can de Pedra no Festival de Cans coa súa curta Rodilla. Juanjo Giménez dirixiu unha ducia de curtametraxes, documentais e rodará proximamente en Galicia parte da súa nova película Tres.

Melania Cruz. Actriz.

Aínda que comezou no teatro, onde segue traballando coa súa compañía iMaquinario, Melania Cruz é rostro coñecido para o público galego por saír en series como Serramoura ou Virandeira. Nos últimos anos ten interpretado papeis de relevancia en películas como Dhogs, Trote de Xacio Baño, A Esmorga de Ignacio Vilar ou Arima de Jaione Camborda.

Xosé Manuel Budiño. Músico e compositor.

Avalado por máis de vinte anos de traxectoria e seis traballos discográficos ás costas, pódese dicir que Xosé Manuel Budiño é un dos grandes da música galega. Despois de tocar por escenarios de todo o planeta, Budiño vén de sacar Fulgor, un novo disco que presentará no Invernadoiro de Mucha do Peso e no que explora un son diferente.

Zaza Ceballos. Produtora.

A súa traxectoria como produtora é unha das máis consolidadas no panorama audiovisual galego. Ao fronte da súa produtora Zenit levou a cabo proxectos audiovisuais arredor de figuras como Concepción Arenal, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, sempre preocupada por visibilizar historias excepcionais de mulleres galegas. Actualmente, vén de co-producir Elisa e Marcela, o último filme de Isabel Coixet.

Alberto Vázquez. Director e guionista.

Coas súas curtas Birdboy e Decorado, baseadas nos seus cómics, e a película Psiconautas –estreada no Festival de Cans- Alberto Vázquez conseguiu nada menos que tres Goyas, entre eles o de Mellor Película de Animación. Os seus traballos teñen sido seleccionados e exhibidos nos mellores festivais do mundo, nos que colleitou máis de cen premios internacionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × 3 =