Xa se pode participar na Can Parade

A silueta do Can de Cans atópase en todas partes, é perfectamente recoñecible e está sempre preparada para que a interveñan artisticamente. Cada ano, un feixe de artistas de toda caste atrévese a darlle unha nova volta creativa á nosa icona a través da Can Parade, a cita anual do festival coa creación artística.
 

Dende hoxe mesmo, as persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 27 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr…) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla. Unha comisión de persoas da organización do Festival escollerá aos 10 creadores e creadoras finalistas. As pezas escollidas estarán expostas na Praza do Concello  do Porriño o xoves 24 de maio.

A través desta iniciativa, o Festival convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do seu emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais. Nas últimas edicións participaron artistas das máis diversas disciplinas, tales como fotógrafos, graffiteiros, creadores de artes plásticas ou debuxantes de banda deseñada, e das catro provincias galegas e de Portugal.

DESCARGA AQUÍ AS BASES DA CAN PARADE 2018