Sección Oficial: Ficción + Animación

As vinte curtas das categorías de ficción e animación desta 15ª edición do Festival de Cans reflicten con fidelidade o carácter cada vez máis rico e diverso do cinema galego. Lonxe de limitarse a un ámbito ou un método de traballo, teremos a oportunidade de desfrutar dunha fenomenal variedade de enfoques: tanto entre as pezas de ficción como as animadas hai cineastas que chegan a Cans co aval de traxectorias consagradas (Álvaro Gago, Juan C. Pena, as Also Sisters…) e debutantes con novas ideas (María Vázquez, Ariadna Cordal, Sara Casasnovas…). Hai espazo para os traballos de corte máis clásico e tamén para a experimentación técnica, e hai tanto oco para aqueles filmes que se encadran perfectamente en xéneros como a comedia ou o terror como para as experiencias máis inclasificables. Mantéñense entre este fermoso equilibrio dúas das máximas de Cans: dar voz a esa xente que se inicia na dirección e achegar a Galicia a cineastas que residen ou traballan fóra, neste caso dende Alemaña (Xabier Rúa), Estados Unidos (as Also Sisters e Félix Brixel) ou Reino Unido (Borja Santomé).