Rubén Domínguez, unha década de creación

Sábado 26 | 20h30 | Invernadoiro de Mucha do Peso

Prezo: 3€ (concerto de Pantis + retrospectiva de clips)
Coa presenza de Rubén Domínguez

Rubén Domínguez naceu e creceu en San Vicente, unha aldea de interior nunha península da costa atlántica. Neto de Siña Carme, fillo de Carme e Manolo, a súa primeira gran influenza foi Manolito, que lle descubriu Nirvana e Radio 3. O teletexto descubriulle as pelis de madrugada da 2 e nese momento decidiu que faría o que lle molase. Iso incluíu dende un comezo a música, con Telephones Rouges, Cudevaso, Chicharrón e hoxe como Pantis, pero tamén o deseño gráfico, múltiples proxectos artísticos baixo o colectivo Prenom (coa fotógrafa e realizadora Mar Catarina) e unha vintena de videoclips vinculados case sempre á escena musical galega, nos que desenvolveu unha mirada e unha estética propias dunha riqueza difícil de abarcar. No Cuberto de Mucha do Peto proxectaremos dez deles, que Rubén explica coas súas palabras:

SR. ANIDO – “16” (2008)

Este é o primeiro videoclip que realicei a partir dunha idea de Rafa Anido. Coñeciámonos desde pouco atrás e el, claro, enterouse de que estudara na Escola de Imaxe e Son. Eu aínda non tiña moi claro ao que me quería adicar dentro do campo da imaxe, máis aló da miña paixón polo cinema. Nel descubrín as posibilidades eternas do videoclip. Mesturalo todo e deixar todo con interrogantes. Narratividade, estética, xestualidade e colisións entre imaxe e ritmo. Aquí está a semente.

NOVEDADES CARMINHA – Yo No Uso Condón (2009)

No 2009 estábase cocendo rapidamente o Galician Bizarre. Multitude de bandas novas e moitas relacións persoais entre elas. Na edición do 2008 do Festival Sereas e Piratas coincidimos tocando Telephones Rouges e Novedades Carminha. Fixémonos colegas, claro. De aí, propuxéronme facer un videoclip coa miña visión a partir de imaxes que gravaran eles de si mesmos por Madrid. Naquel momento, e, cun corte máis punk na súa música, optei por gravar máis material nun concerto seu en Compostela, e montalo con cores primarias e textos de reminiscencias punk, a modo de karaoke. Hai un abuso intencionado do corte de planos en dúas tonalidades, aceleracións da imaxe e ruído en xeral. Tiña moito que ver co momento.

FRANC3S – ¿Cómo Haremos Para Desaparecer? (2011)

A primeira colaboración cos Franc3s e a primeira vez que me enfrentei a unha coreografía. Os medios de produción eran escasos e a coreografía era bastante pobre. Todo me lembraba a certos vídeos independentes dos oitenta nos que había ruído e amateurismo, pero ambas cousas, facían gañar en autenticidade ao que se mostraba. Franc3s eran unha banda rara, que, segundo os profesionais da música, non sabían tocar. Agora tampouco sabían bailar e o director do videoclip tampouco sabía limpar un croma.
Todo sumaba.

MULLET – Puerto Del Sonido (2012)

Realizado durante a miña estadía en Lisboa, comezou coma unha idea vaga para un traballo da universidade e foise consolidando ata dar pé ao resultado, que gañou na sección de videoclips do Festival de Cans do 2012. Cos experimentos levados a cabo nun videoclip anterior de Mano de Obra e cunha narrativa lineal sinxela, nel botín man do collage fotográfico para construír unha crítica da Igrexa e o goberno, en tempos moi escuros para moitos coletivos sociais, e, en especial, o LGTBI.

MUSEL – Raiolo (2015)

Este é o meu videoclip favorito de todos cantos fixen ata agora e dubido moito que algún o poida superar en contido e enerxías postas nel. É a segunda colaboración cun proxecto de Óscar Vilariño (Mullet, A Veces Ciclón, TAB) e nel volveume dar carta libre para facer o que quixera. Coa teima da inmersión na imaxe e das capas de contido que a compoñen, construín un relato en flashback, empregando material de arquivo do meu diario visual en Brasil e outras cintas de material anterior. Nel unha parella que se escribe desde a distancia con imaxes, narra os baleiros, as pausas, nun proceso cheo de colisións, pensamentos reiterativos, dor e perda. Un collage esquizofrénico, onde cada píxel conta.

PANTIS – Viaduto (2016)

O primeiro videoclip que realicei para min mesmo co proxecto de Pantis. Co disco recén saído e sen diñeiro para encargar un traballo externo, tirei de inventiva e practicidade para realizar un lyric-video minimalista e de ambiente escuro. Cun autorretrato en plano fixo e letras superpostas, o ritmo das palabras e os símbolos marca a montaxe e delimita o espazo, convertíndose as palabras, por momentos, en cárcere da imaxe.

CHICHARRÓN – Ensíname a durmir (2016)

Outro videoclip para outro proxecto persoal. Xunto con Mar Catarina, a miña compañeira en Prenom e grande realizadora e fotógrafa, pensamos a peza coma unha continuación do traballo gráfico desenvolvido na capa do disco Postal e, en xeral, en todo o concepto visual da banda para o álbum. Con imaxes de gran beleza filmadas por Mar Catarina ao longo de toda a costa galega e algunha que outra do Alentejo, compuxemos un videoclip de lonxanía, mirada e pouca presenza humana. Desas veces nas que a imaxe e a canción son indivisíbeis.

ESPOSA – Xardín Interior

Este videoclip é como unha segunda cara do videoclip de “¿Cómo Haremos Para Desaparecer?”. Que mudou en sete anos? Moito máis coñecemento técnico e moito máis claras as ideas. Quería un clip no que a presenza fora toda da banda e as súas personalidades tan marcadas e tan diferentes. Quería que estiveran tocando, porque a súa personalidade e inocencia no escenario tiña que ser capturada. Con estas premisas e botando man da miña querencia polo collage e a tolería visual, o videoclip constitúese como unha explosión de formas, rostros e pureza. Todo o tempo pensaba nunha portada dun disco dos Feelies que foi a inspiración para o deseño e a montaxe.

PANTIS – Alén (2017)

Un tour de force dun ano e tres meses. Comecei a facelo no meu tempo libre como xeito de experimentar formas na animación e no deseño gráfico. Pantis era un lugar perfecto para isto. A aventura foise complicando e atrasando por diferentes eventualidades, máis tamén se foi enriquecendo con máis coñececemento técnico e artístico. A historia foise moldeando ao meu percurso vital e acabou sendo un reflexo verdadeiro da temática da canción: a identidade, os remordementos e o amor.

PANTIS – Mar (2018)

Cuarto videoclip para Pantis e quizais o momento, a canción, de traballar a miña propia xestualidade. A través de bucles de imaxe que me fan, como personaxe do videoclip, suspenderme no tempo e no espazo, falo de bloqueos vitais, paredes invisíbeis que nos limitan e nos aplastan. Gravado no entorno de Cospeito, non sen dificultade polas inclemencias metereolóxicas, o espazo e a luz tamén falan das sensacións contidas e o berro sostido que se desenvolve durante todo o videoclip.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eighteen + seventeen =