Roteiros cinéfilo-literarios con Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo

Mércores 22 e xoves 23 | 11h30 | Saída da rotonda do Can e camiños da aldea (Meixide)
Xoves 23 | 10h30 | Saída da rotonda do Can e camiños da aldea (Perozo)

Os escritores Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo guiarán aos asistentes por uns roteiros cinéfilo-literarios baseados nas súas obras. Meixide ofrecerá a súa mirada particular a través dos puntos polos que os protagonistas de Cans, a súa novela xuvenil, viven as súas particulares aventuras. Todo mesturado con unha chea de referencias cinéfilas coas que gozan as nenas e nenos que leron o libro. Por súa parte, Xosé Antonio Perozo realizará un roteiro inspirado na súa novela A grande epopea do pianista de Cans, un libro que se presentará no festival. A obra nace dun relato fantástico que o autor publicou no Faro de Vigo sobre a coñecida Pedra de Beethoven ou Pianista de Cans, e que agora volveu recoller para contar a historia de Pedro de Chamorro, o pianista que unha noite quedou petrificado para sempre mentres daba un concerto baixo as estrelas.

CanSonoro. Roteiro da música e do patrimonio con Xurxo Souto

Sábado 25 | 10h00 | Saída da rotonda do Can

Dende fai unhas cantas edicións, Xurxo Souto, escritor e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto, guía un roteiro polos camiños e corredoiras de Cans que se inspira nas historias das veciñas e veciños e na tradición musical de cada casa de Cans. Nesta ocasión, o roteiro discorrera por lugares emblemáticos do noso patrimonio como o muíño do Froxán (que se abrirá para a ocasión) ou Penedo de Cubaladra coa súa enigmática inscrición de 1869 que cumpre agora 150 anos. Esta ruta faina acompañado dos acordeonistas de Acordecans que amenizan o camiño mentres Xurxo Souto conta historias, canta e fala co público e intercala diálogos de filmes no seu discurso. Este roteiro que rendirá unha homenaxe especial ao grupo Catro Ventos de Cans.

Este roteiro será accesible a cadeiras de rodas e a carriños de bebé.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

one + two =