Nova Sección! Retratos de familia

Esta sección recolle as obras dunha serie de directores e directoras novos que afondan no entorno familiar para crear unha cinematografía diferente: non convencional, experimental, arriscada, mais tamén con moita dor e desgarro persoal. Esta sección pretende visibilizar o traballo destes creadores emerxentes que exploran dentro das súas familias como materia prima para facer filmes. Unha sección nova, aparentemente afastada da ficción, pero que dá para reflexionar en profundidade.

Losada-1

“Losada”, de Ximena Losada e Marcos Nine

2011 | 10′ | Galego

Dirección, produción e guión: Marcos Nine e Ximena Losada

Montaxe: Marcos Nine

Fotografía: Ximena Losada

Elenco: Daniel Losada, Pepe Losada, Rodrigo Losada, Juan Losada e María Arufe

Vai de: é o retrato do relevo xeracional dentro da mesma familia. O paso de quen xa viviu todo a quen lle queda todo por vivir.

Xénero: documental

O detalle: os directores mercaron unha cámara de 190€ para ir de vacacións. En ningún momento pensaron en facer un documental, pero comezaron a gravar momentos vitais para gardar para o recordo e cando se decataron xa tiñan unha pequena historia contada.

web_retratos_imagenes

“Imaxes secretas”, de Diana Toucedo

2013 | 18’ | Galego

Dirección, produción, fotografía, montaxe e son: Diana Toucedo

Guión: Jorge M. Suárez e Diana Toucedo

Vai de: o meu pai é capitán de barco. Toda a súa vida estivo fóra de casa, pescando e navegando polos caladoiros máis importantes do mundo. Para min, o meu pai sempre foi aquel que comparte un par de meses ao ano connosco, pero cando se vai, nunca sei cal é a súa vida en realidade. En “Imaxes secretas” viaxo á Arxentina para descubrir por primeira vez cal é o modo de vida dun capitán e dun pai, que sempre estiveron ausentes.

O detalle: estivo na selección oficial do Festival de Alcances, a Mostra Cinematográfica do Atlántico, en 2013.

web_retratos_chover

“Vai chover”, de Santiago D. Risco

2016 | 27′ | Español

Dirección, guión, montaxe e fotografía: Santiago D. Risco

Produción: Colibri Studio

Elenco: Ana María Risco Bóveda, Maria Concepción Bóveda Gómez, Félix Risco Bóveda, Eduardo Risco Bóveda, Agapito Diéguez Estévez, María Dolores Estévez Rodríguez e Enrique González Moure

Vai de: Nunha caixa de puros habanos atópanse uns antigos textos. Son do avó do director. Deullos a súa nai para que soubera máis del. Pero hai retratos que chegan demasiado tarde. Ou demasiado cedo.

Xénero: documental

O detalle: aínda que a curta pareza un retrato familiar, a súa clave é o porqué de facelos, na forma e no momento no que se atopa cada un de nós.

web_retratos_extranho

“Extraño”, de Iria Silvosa

2015 | 4′ | Galego

Dirección, fotografía e montaxe: Iria Silvosa

Vai de: A sensación de volver ao descoñecido e familiar ao mesmo tempo. Nela atópanse encerrados tantos recordos para min xa esquecidos, dos que só quedan pequenas imaxes ás que procuro darlles vida de novo.

Xénero: autorretrato

O detalle: esta curta foi finalista do festival Suroscopia, un certame de creación audiovisual universitario. O premio foi unha curiosa semana de seminario con Albert Serra en Córdoba.

web_retratos_cuna

“Cuna”, de Lucía Estévez

2015 | 19′ | Español

Dirección, guión e montaxe: Lucía Estévez

Elenco: Cristina González e Manuel Estévez

Vai de: As voces que nos rodean viven en nós, na nosa contorna. Os nosos espazos énchense de conversacións que quedan gardadas entre as paredes das casas ou no chan onde hai tempo se deixou de pisar. A director achégase dende o seu punto de vista máis persoal e familiar cos seus pais a Angudes, onde naceu e medrou o seu pai, unha contorna que agora, na súa maioría, está abandonada.

Xénero: documental familiar

O detalle: A idea inicial da directora era construír a historia a partir dos testemuños dos seus pais, pero estes acabaron botando unha man tamén na realización do proxecto, o pai coa cámara e a nai co son.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

thirteen − 5 =