Premio Pedigree’18: Chelo Loureiro

A filmografía como produtora de Chelo Loureiro distínguese pola loita por dar a alternativa na dirección a novos directores e directoras, por ser unha incansable captadora de novos talentos e pola súa continua teima en tentar que os creadores e creadoras galegos queden a traballar na súa terra. Chelo Loureiro é unha das grandes impulsoras da animación galega nos últimos anos e, nomeadamente das curtametraxes de animación. Seis veces nominada aos premios Goya con filmes producidos por ela, o pasado ano Chelo Loureiro fíxose co galardón á Mellor curtametraxe de animación como produtora de Decorado, do realizador Alberto Vázquez.

O mesmo Vázquez, Juan Pablo Etcheverry ou David Fidalgo forman parte da lista de valores que Loureiro captou e impulsou como creadores, e todos eles son ben coñecidos polo público de Cans. O Festival quere recoñecer con este galardón a súa aposta polos novos talentos, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cine de animación e a súa voz crítica na loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual, a través de CIMA.

Chelo Loureiro recollerá así o testemuño de Miguel de Lira, homenaxeado o ano pasado, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes, o venres 25 de maio. Continúa así completándose un grupo de recoñecidos Premios Pedigree compartido tamén con Emma Lustres, Luis Tosar, Celso Bugallo, Antón Reixa, Chete Lera, María Bouzas, María Pujalte, Mabel Rivera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, Antonio Durán “Morris”, Manuel Manquiña ou Javier Gutiérrez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nineteen + 8 =