PREMIO PEDIGREE 2019: CARLOS BLANCO

 

Este ano o Festival de Cans outorgará o seu máximo galardón ao actor Carlos Blanco como recoñecemento pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación. Blanco converteuse nun dos actores máis icónicos e coñecidos de Galicia trala súa participación en máis dunha ducia de series de televisión que van dende Mareas Vivas á súa magnífica interpretación do personaxe de Laureano Oubiña na serie Fariña. Aínda que súa figura está asociada á comedia e ao monólogo, Carlos Blanco tamén traballou no cine ás ordes de directoras e directores como Andrés Goteira, Patricia Ferreira, Clive Gordon, Gerardo Herrero ou Pedro Almodóvar. 

Malia á súa popularidade como actor, nunca renunciou a poñerse en mans de directores de curtametraxes, elixindo sempre os seus traballos e demostrando unha versatilidade que vai máis alá dos territorios da comedia que tan ben domina. Aquí poderíamos falar de Temporada 92-93 ou Amistad, ambas pezas de Alejandro Marzoa; de Desayuno con diadema de Óscar Bernárcer – premio ao mellor actor no Festival de Alicante- ou Mal de Sangue de Pedro Díaz, co que gañou o premio ao mellor actor no Festival de Cans 2013. Todo este traballo no mundo das curtas poderase ver nunha retrospectiva nesta edición do Festival de Cans.

Carlos Blanco recollerá o testigo de Chelo Loureiro, homenaxeada de honra na pasada edición, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes o venres 24 de maio. O seu nome súmase ao unha longa lista de recoñecidos Premios Pedigree como Luís Tosar, Antón Reixa, Emma Lustres, Ernesto Chao, Mabel Rivera, Manuel Manquiña, María Bouzas, Chete Lera, Celso Bugallo, María Pujalte, Javier Gutiérrez, Antonio Durán “Morris” ou Xavier Villaverde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × 1 =