O actor Enrique San Francisco colocará a súa estrela no Torreiro de Cans

Enrique San Francisco, actor que prestou a súa voz para un dos personaxes principais de Psiconautas -o filme de estrea da XIII edición do festival- presentará o próximo xoves 19 a longametraxe no Circulo Recreativo e Cultural do Porriño. Ademais, San Francisco, estará presente na procesión de chimpíns que sairá o mesmo día dende a Praza do Concello e colocará o venres 20 ás 13h30 a súa estrela no Torreiro de Cans, tal e como xa fixeran no seu momento profesionais do sector como Luís Tosar, Javier Gutiérrez, Isabel Coixet ou José Luis Cuerda.

San Francisco (Madrid, 1955) é unha das caras máis coñecidas do cinema español. Fillo de actores, debutou no teatro con tan só dous anos, na gran pantalla con seis e, posterioremente, con dez na televisión. A súa carreira é de fondo, estando avaliado por unha extensa traxectoria: traballou cos grandes directores españois, dende José Luis Cuerda a Adolfo Aristarain, Luis García Berlanga, Imanol Uribe, Manuel Gutiérrez Aragón ou Álex de la Iglesia. O madrileño xa fora no 2008 o protagonista de La crisis carnívora, película de animación dirixida por Pedro Rivero -codirector, xunto con Alberto Vázquez, de Psiconautas.

En Psiconautas, San Francisco pon voz a unha historia de animación para adultos na que os protagonistas intentan escapar do asfixiante ambiente da illa na que viven, un lugar que perdeu todo o seu esplendor a causa dun terrible accidente industrial. O número de recoñecementos que obtén o filme vai cada día en aumento: tras obter un premio “Lurra” do Festival de San Sebastián, a pasada semana recibiu un galardón no Festival de Animación de Stuttgart e, o próximo mes de xuño, estará presente no prestixioso Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

6 + eighteen =