Miss Ledyia (1916), 100 anos de cine galego

 

web_missledya

Primeiro filme de ficción galega, do cineasta José Gil, que se vai proxectar con música en tempo real só co theremin de Paulo Pascual (Paulo Nimoy, de Camarada Nimoy) no Baixo de Moncho. Será un momento ben especial, cun enorme atractivo visual e sonoro.

Sinopse: Miss Ledyia relata as preocupacións dunha rica herdeira norteamericana por desbaratar as intencións anarquistas de asasinar ao rei de Suevia, de vacacións na illa da Toxa. No seu reducido metraxe, conta cunha excesiva condensación narrativa. Abondan os exteriores, realizados en paisaxes da ría de Pontevedra. Como curiosidade pódese ver a un mozo Castelao, cunha arma na man, interpretando o papel dun facinoroso anarquista.

Theremin: patentado en 1920 por Leon Theremin, é ese instrumento no que o interprete acaricia e manipula o son sen ter contacto físico con el. Funciona con dúas antenas. Nunha varíase o ton e na outra o volume, mediante o achegamento ou o afastamento das mans e do corpo. Trátase dun dos primeiros instrumentos de música electrónica da historia deseñado no marco da Revolución de Outubro da Unión Soviética. Música electrónica e de vangarda nos anos 20, nun entorno de extremo culto á modernidade.

web_missledya_theremin

Paulo Pascual (Vigo, 1972): é un músico galego que leva tocando en diferentes proxectos dende os 14 anos. Centrado principalmente na guitarra eléctrica, estivo sempre en contacto con outros instrumentos ata chegar á etapa actual como thereminista autodidacta.

Venres 20 | 12h00 | Baixo de Moncho

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

4 + 5 =