Audiovisual

A selección de longametraxes para esta 15ª edición do Festival de Cans ten como columna vertebral tres filmes marcados por varias características en común: son pezas cun forte carácter xeracional e realizadas por cineastas novos, millennials debutantes no formato que pasaron xa por Cans como curtametraxistas e piden paso no cinema galego. Trátase de A estación violenta, de Anxos Fazáns, British Winters, de Roque Cameselle e Andrew Turner, e Sevilla y Gomorra, de Ángel Filgueira. Para Fazáns e Filgueira é a súa primeira longa, e no caso de Cameselle é a primeira que fai fóra do campo da animación. As tres películas teñen en común as historias de incerteza duns personaxes que afrontan dunha maneira ou outra o fin da súa mocidade, coas angurias vitais derivadas e os bares como escenario principal no que atopar bebidas e outras substancias para fuxir desa realidade que por veces ameaza con esmagalos. A estación violenta e British Winters compartirán o rol de filmes de apertura, mentres Sevilla y Gomorra estreará a programación audiovisual do novo espazo de Cans: o Invernadoiro.

Completa a selección Versogramas, estrea en festivais de Galicia na que os consagrados Belén Montero e Juan Lesta parten da idea orixinal doutra millennial, Celia Parra, para realizar a primeira historia da videopoesía feita dende a perspectiva galega. A maiores contamos tamén cunha decidida aposta polas obras que vinculan o audiovisual e a música integrando ambas na programación. Así, a proxección de Casamance: la banda sonora de un viaje, de Paloma Zapata precederá o venres ao concerto de Depedro, protagonista do documental. O sábado no Invernadoiro de Mucha do Peto asistiremos ao concerto de Kevin Weatherill, líder de Immaculate Fools, logo da presentación dun avance de Kevin vs. Ray, o filme sobre a súa vida que preparan Eduardo Herrero e Manuel Lemos. Por último, tamén terá lugar alí a primeira retrospectiva de videoclips de Rubén Domínguez, que actuará ademais con Pantis, o seu proxecto de pop electrónico.