LENDOCINE

Xoves 23 | 18h00 | Tienda Tía Tata

No seu intento por explorar a estreita vía entre o cine e a escrita, o Festival de Cans pon en marcha na súa XVI edición a actividade LendoCine, un espazo no que se darán a coñecer libros recentemente publicados nos que o cine é o trasfondo ou o protagonista principal. As autoras e autores presentarán neste encontro os seus traballos, ofrecendo así unha panorámica ampla do que se está editando sobre cine dentro e fóra de Galicia. En LendoCine atoparemos dende publicacións de traballos de investigación, obras adaptadas ao cine, novelas de pouso cinematográfico ou libros que recollen as memorias de profesionais da interpretación (entre outros).

Filmoterapia. 100 películas inspiradoras, de Jaime Burque (El Hilo Ediciones, 2018)

Quen non quedou marcado por un filme que lle axudou a cambiar a súa perspectiva de vida? O psicólogo e escritor Jaime Burque indaga neste libro sobre a idea filmoterapéutica do cine a través dunha viaxe por 100 películas para demostrar como o sétimo arte é quen de conectarnos cos nosos sentimentos máis profundos. Coa presenza do autor Jaime Burque.

Taller de la Memoria, VV.AA. (Fundación AISGE)

A colección de libros Taller de la Memoria da Fundación AISGE naceu co propósito de recoller a memoria e as vivencias de actrices e actores veteranos co fin de salvagardar a riqueza das súas testemuñas e da súa profesión. En Galicia AISGE publicou as memorias de históricos da interpretación como Vicente Montoto, Pilar Pereira ou Manuel Lourenzo. Tamén editou as memorias de actrices e actores que xa non está con nós, como é o caso de Doretea Bárcena e Xan Cejudo. Coa presenza de Isabel Blanco, actriz e delegada da Fundación AISGE en Galicia.

A grande epopea do pianista de Cans,  de Xosé A. Perozo (Auga Edicións, 2019)

Hai anos, cando aínda non nacera o Festival de Cans, o escritor Xosé A. Perozo publicou no Faro de Vigo un relato arredor da coñecida Pedra de Beethoven ou Pianista de Cans. Máis tarde, a partir do proxecto Miradas de Cans e as residencias promovidas polo noso festival, Perozo volveu retomar este relato fantástico, readaptándoo para contar a historia de Pedro de Chamorro, o pianista que quedou petrificado para sempre mentres daba un concerto baixo as estrelas. Unha historia que está chamando por unha adaptación ao cine. Coa presenza do editor e autor Xosé A. Perozo.

Accesible Filmaking, de Pablo Romero–Fresco (Editorial Routledge, 2019)

Este libro parte dunha interesante investigación (que fascinou ao mesmo Ken Loach) sobre a análise e o estudo do subtitulado para facer o cine máis accesible ao público. O profesor e realizador Pablo Romero-Fresco chegou á conclusión de que as películas sería mellor comprendidas se os produtores, guionistas e realizadores traballaran no subtitulado dende a orixe do filme, e non ao rematar todo o proceso.Coa presenza do autor, investigador e realizador Pablo Romero-Fresco.

Eroski Paríso, do Grupo Chévere (Kalandraka, 2018)

A compañía teatral Chévere, Premio Nacional de Teatro no ano 2014, fixo deste texto o seu último gran éxito co que triunfaron en escenarios nacionais e internacionais. Poderíase dicir que este libro é literatura da boa, unha obra que pode lerse como obra de teatro e como guión de cine. Tanto é así que o realizador Jorge Coira acabou por converter Eroski Paraíso en película. A súa pre-estrea será no Festival de Cans. Coa presenza de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron, membros do Grupo Chévere.

Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez (Galaxia, 2019)

O autor porriñés Diego Giráldez estará en LendoCine para falarnos do seu segundo libro Hotel para coleccionistas discretos. Un relato orixinal cargado de chiscadelas cinematográficas con referencias directas a La Escopeta Nacional de Berlanga, unha evidente inspiración no cine de Wes Anderson e reminiscencias que recordan as historias de Jacques Tati. A literatura non é cine, pero ás veces aínda se lle parece. Coa presenza do autor Diego Giráldez.

Actrices secundarias, de Clara do Roxo (Editorial Elvira, 2019)
Claro do Roxo naceu en Caracas e é filla de emigrantes galegos. Esta novela ten como fondo a emigración a América de miles e miles de persoas, que como os país de Clara, marcharon e formaron alá unha familia pero que sempre pensaron en volver. Máis concretamente Actrices secundarias conta a historia de catro mulleres que asumiron o seu papel secundario nas súas vidas, un chanzo por debaixo do lugar que ocupaban os seus maridos. Esta novela foi finalista do Premio Torrente Ballester 2018. Coa presenza da autora Clara do Roxo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

8 − 4 =