Janet Novás e Mercedes Peón estrearán o Jaliñeiro Arena

No Festival de Cans non deixamos de renovarnos edición tras edición, así que este ano imos darlle unhas voltas aos nosos espazos máis emblemáticos. Xa podemos adiantarvos unha novidade. Na zona do Jaliñeiro e a Sala Multiusos inauguraremos un novo espazo:  o Jaliñeiro Arena. E farémolo nin máis nin menos que coa estrea absoluta dun espectáculo de danza e música en directo, coa implicación de tres mulleres de recoñecido prestixio: a bailarina porriñesa Janet Novás, a música Mercedes Peón e a cineasta Virginia Rota. As artistas interpretarán a súa peza co público ao seu carón dentro do “Jaliñeiro Arena”, no que promete ser un dos grandes momentos desta edición.

Janet Novás volta deste xeito ás súas orixes, o lugar onde medrou, logo dunha sólida traxectoria que a levou polos principais festivais de danza do mundo, co seu traballo persoal e formando parte de recoñecidas compañías como a de Daniel Abreu (Premio Nacional de Danza en 2014). Faino ademais acompañada por unha das nosas intérpretes máis singulares, Mercedes Peón, á procura sempre de novos camiños musicais próximos á performance. A peza que veñen presentar a Cans parte dun audiovisual previo, a curtametraxe documental “Cadencias”, dirixida pola malagueña Virginia Rota e que analiza o movemento do corpo con Janet Novás como protagonista. Esta produción ten participado en diferentes certames internacionais, entre eles o de Xixón, pero proxectarase por primeira vez en Galicia dentro do Festival de Cans, coa presenza da autora.

¿E que vén sendo o Jaliñeiro Arena? Pois un galiñeiro de grandes dimensións, completamente cuberto por unha malla de arame e concibido inicialmente para a cría de kikos voadores. É o único que se conserva en toda a aldea e a nós parécenos un lugar idóneo e ben especial para amosar traballos con formatos innovadores e multidisciplinares. O seu tamaño vai permitir que preto de 100 persoas asistan ao espectáculo compartindo espazo coas artistas. Sen dúbida, será unha experiencia única. Apuntádevos a revolucionar o galiñeiro con nós!

Teaser CADENCIA (Janet Novás / Virginia Rota, 2014) de VIRGINIA ROTA on Vimeo.

2 comentarios en “Janet Novás e Mercedes Peón estrearán o Jaliñeiro Arena”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 + 15 =