Exposición fotográfica “Outra pel, outro rostro” de Cris Andina

Aberta dende o 15 de maio ata o próximo 15 de xuño
Dous espazos | Círculo Recreativo Cultural: Todos os días dende as 10 da mañá.
Sala Ingrávida | De domingo a mércores: 18h a 21h30 | De xoves a sábado: 19h a 23h Entrada gratuíta.

No intento continúo de abrirse a outras disciplinas, o Festival de Cans programa por primeira vez nas datas do certame unha exposición fotográfica. Ao longo de varios meses, a fotógrafa Cris Andina seguiu a numerosas actrices e actores de teatro para retratalos no intre no que pasan a barreira da caracterización e mudan de rostro para interpretar aos seus personaxes no escenario. A mostra, que leva por título Outra pel, outro rostro, pretende ser unha homenaxe ao oficio do teatro, onde estes profesionais fan uso dun talento espido e afrontan o reto desta arte, na que adoita primar o espazo figurado fronte á propia personaxe. De aí a escolla da fotógrafa de realizar os retratos en branco e negro e sen artificios. Nos máis de 30 retratos que compoñen a exposición, e que estarán repartidos en dous espazos, poderemos ver caras habituais como Miguel de Lira e a compañía Chévere, Melania Cruz, Javier Gutiérrez, Xosé A. Touriñán, María Vázquez, Serxio Pazos ou a Areta Bolado, Noelia Castro e Alién Kendelman da compañía teatral A Panadaría.

Cris Andina (Ribadeo, 1978) é unha fotógrafa que traballa no eido cultural e en ámbitos como o cine, a música e as artes escénicas, desenvolve a súa labor facendo fotografía de eventos e actuacións en directo, entre eles, o Festival de Cans.

Proxecto Senta

Sábado 25 | Todo o día | Diferentes espazos de Cans

Dende hai varias edicións o Festival de Cans colabora coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña para reflexionar sobre a redefinición da paisaxe da aldea e pon a atención sobre espazos e lugares especiais que, aínda que sexan invisibles a priori, gardan gran potencial na paisaxe física e emocional de Cans. Neste sentido ten desenvolvido actividades para visibilizar o espazo no Parque do Río, ten descuberto vellos carreiros e atallos que vertebran a aldea ou realizado unha reflexión sobre a masificación do festival (e dos festivais en xeral). Nesta edición, o festival volve traballar man a man coa ETSAC poñendo en marcha o Proxecto Senta. Esta iniciativa, realizada polas alumnas e alumnos da UDC coordinados polo prestixioso profesor e arquitecto Juan Creus –do estudio CreuseCarrasco–, traballará na recuperación dos bancos exteriores e currunchos onde a xente se sentaba a descansar ou a ver e contemplar a vida, unha relación que non dista moito de ollar para a pantalla de cine. Deste xeito, estes lugares destinados ao descanso, tomarán vida de novo durante os días do Festival de Cans.

Exposición retrospectiva de Luis Davila “O Bichero”

Venres 24 | Toda a tade | Cans Voulevar

Luís Davila é un dos debuxantes máis populares do país que arrinca sorrisos diarios coas tiras “O Bichero” que publica no xornal Faro de Vigo e que rapidamente inundan as redes sociais ao ser compartidas por miles de persoas conquistadas polo seu humor. Como en anteriores edicións, este ano tamén poderemos gozar con unha exposición composta por unha selección das súas viñetas máis cinematográficas e de algunhas, que en varias ocasións tamén teñen retratado o Festival de Cans.

Costa Azul

Sábado 25 | Todo o día | Costa de subida ao Cuberto de Chelo

Ao longo de cada edición as nosas veciñas do Barrio da Pedreira, Marta García e Paula Romero, recompilan en forma de fotografías, novas de xornais, cartaces ou camisolas, o máis destacado de cada edición. O seu traballo exponse nesta costa de subida ao Cuberto de Chelo revestida de cor azul cuxo nome evoca ao outro Cannes: a Costa Azul.

Concurso de pintura “Pintar o Cine”

Xoves 23 | 15h – 20h | Praza do Concello

O xoves terá lugar o concurso de pintura rápida “Pintar o cine”, actividade que substitúe a Can Parade. Un total de doce artistas terán que realizar en cinco horas unha obra de temática e técnica libre que inclúa a silueta do can de Cans nunha escena de inspiración cinematográfica. Serán quen de conseguilo?

Cans Senior

Mércores 22 | 10h00 | Centro de día de Torneiros

Esta iniciativa pretende ata medio centro de centros de día de toda Galicia se impliquen na reinterpretación artística de diferentes secuencias da historia do cinema. O mércores 22 de maio inaugúrase no Centro de Día de Torneiros a exposición dos traballos finalistas. Unha oportunidade emocionante na que poder ver as súas creacións e descubrir o alto grao de coñecemento que teñen os nosos maiores do Festival de Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × one =