Jaliñeiro Arena

“Falar”, un espectáculo de Janet Novás e Mercedes Peón

Venda de entradas: o día da venda física en Cans, venres 13 de maio, e na entrada da Sala Multiusos o propio sábado 21 de maio. Aforo limitado a 80 persoas.

Sábado 21 | 21h00 | Jaliñeiro Arena

janetymercedes4_baixa

Falar é unha intervención de música e corpo pensada para espazos insólitos. Nesta ocasión o escenario será o Jaliñeiro Arena, donde Mercedes Peón e Janet Novás interactuarán co espazo e deixarán os seus corpos fluír a través da música e a danza. Un encontro enérxico, visceral, sentimental e único, onde convive o máis tradicional co mais contemporáneo.

Janet Novás e Mercedes Peón son posiblemente dúas das artistas galegas máis internacionais nas súas respectivas disciplinas. Coñecéronse en Barcelona no ano 2014 e xuntas tomaron consciencia da importancia que ten a memoria e as raíces no movemento do corpo.

Por este motivo presentar este traballo na terra onde xurdiron os meus primeiros bailes é un xeito de seguir explorando nunha linguaxe persoal que fala da tradición, dun sentimento galego que me atravesa e do que non me podo desprender. Todo naceu á beira do río Furxán, no bar Río Chico, no Galiñeiro de Paco, no bar de Carmela, nas festas da Guía, nas de San Esteban, e en todas aquelas paisaxes que arrouparon cada xesto e lle deron vida” (Janet).

Esta peza está vinculada coa proxección previa da curtametraxe documental “Cadencia”, de Virginia Rota, centrada no movemento do corpo e protagonizada por Janet Novás.

Janet Novás, artista orixinaria da propia aldea de Cans, formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín. As súas creacións presentáronse nos festivais máis destacados do mundo, dende París a Estrasburgo, Roterdam ou Río de Janeiro, e mereceron unha retrospectiva no recente Escenas do Cambio compostelán. Ten recibido numerosos premios, como o Injuve 2011 e o segundo premio do XXI Certamen Coreográfico de Madrid, así como bolsas para desenvolver proxectos en Viena, Londres ou Zagreb. Como intérprete traballou para compañías como Lisi Estarás, Provisional Danza , Pisando Ovos, Arrieritos ou Pedro Berdayes. Na actualidade combina o seu traballo persoal con colaboracións con diferentes artistas y colectivos como Daniel Abreu, Play Dramaturgia, Pablo Esbert, Matarile Teatro, Jaime Lee e Stanislav Dobak.

+info: web

Mercedes Peón é xa unha das figuras máis carismáticas do circuito da world music actual. A súa revisión dos ritmos ancestrais dende unha óptica innovadora pona á cabeza da escena etnocontemporánea europea. O cantar das mulleres da Costa da Morte, a pandeireta e a ribeirana foron os detonantes que a levaron a recoller cancións, bailes, contos e vivencias, coñecemento que transmitiu no ensino, na tele e en universidades como a Sorbona de París, O Porto ou Gales. Logo de 25 anos afondando nas tradicións gravou o seu primeiro disco, Isué. Logo viñeron outros dous, expresándose libre de clixés, cunha música ecléctica e vibrante, que roza a electroacústica.

+info: web Facebook