Día dos creadores e as homenaxes

Mañá no Festival de Cans temos unha xornada ben cargadiña de cinema dedicada ás nosas creadoras e creadores, pero tamén das ondas da radio, xa que Ángel Carmona emitirá Hoy empieza todo de Radio 3 en directo dende Cans a partir das 7h00. Durante o programa haberá un almorzo “Galicia Calidade” preparado polo barista Óscar de Toro con produtos amparados pola marca con bollería do chef Iván Méndez. Galicia Calidade vén colaborando con Festival dende hai anos, achegando bo gusto gastronómico e converténdose nun dos nosos patrocinadores máis significativos.

Ás 10h00 dará comezo a estrea das mellores curtametraxes feitas por escolares en Cans do Futuro. Deseguido, o sector darase cita nun encontro aberto de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, moderado por Jorge Coira e coa presenza de Alexia Muíños. Alexia formouse como actriz e directora en escolas de Nova York e Barcelona, onde actualmente traballa en distintas facetas do mundo audiovisual. Compaxina a dirección cinematografica co cargo de vicepresidenta da Asociación Europea de Mulleres no Audiovisual (European Women’s Audiovisual Network, EWA), dende onde traballa para acabar coa desigualdade de xénero na industria do cinema europeo.

Seguemento aos creadores galegos
Ademais de ser un escaparate do audiovisual galego, Cans tamén ten na súa filosofía seguir aos creadores e creadoras que pasaran por este festival ao longo da súa traxectoria. Así, “Fill@s de Cans” converteuse nas últimas edicións nunha das seccións máis emblemáticas do certame. Nela os cineastas mostran ante o público as primeiras imaxes inéditas dos seus filmes, en moitos casos aínda en posprodución. Nesta edición, poderanse ver as primeiras imaxes de A liña de sombra, o documental que o coruñés Nicolás Combarro prepara sobre o fotógrafo Alberto García-Alix; Esquece Monelos, a ópera prima da cineasta Ángeles Huerta; Sicixia, o novo filme de Ignacio Vilar; a coprodución galego-uruguaia Migas de pan, de Manane Rodríguez; e Dhogs, as historias cruzadas made in Galicia que propón Andrés Goteira.

Pola súa banda, na sección “A que andas?” coñecerase o estado das primeiras longametraxes de Sonia Méndez, Alexia Muíños e David Hernández, así como do novo filme de Ramón Costafreda e do novo documental de Andrea Zapata-Girau. Boa parte deles xa participaran na sección competitiva ou noutras seccións de anteriores edicións de Cans.

SOMOS GENTE HONRADA RODAJE PELICULA EN A CORUÑA EMMA LUSTRES Y SANDRA

Noite das homenaxes
Coa noite, chegan as estrelas a Cans. A partir das 22h00 no Torreiro, Keka Losada e Federico Pérez farán entrega do Premio Pedrigree’16 á productora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos. É o caso de filmes como El Desconocido de Dani de la Torre e Celda 211 de Daniel Monzón. O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo a súa labor como impulsora dos profesionais galegos, tanto directores, como técnicos ou actrices e actores e novos realizadores.

cid

Do mesmo xeito, a organización do festival fará entrega dos Chimpíns de Prata ‘Premio Pepe Puime’ a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, que prestan apoio loxístico durante os días do evento para que alí poidan xantar os convidados do festival e ten feito en sucesivas edicións de cociña, sala de prensa, almacén ou lugar de reunión do xurado. Tamén se entregará este premio a Xurxo Souto, escritor, guionista e coñecido sobre todo como músico e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto. Souto realiza un roteiro sonoro pola parroquia, que este ano repetirá con sorpresas durante a mañá do sábado do festival.

Xurxo_Souto2

Tamén farán entrega do premio á mellor obra da Can Parade e ao mellor videoclip; e proxectaranse o making of de Cans 2015, “O ano da ducia” -de Roi Guitián e María Lobo-, e o trailer do “Proxecto bar”, unha iniciativa cun obxectivo dobre: rescatar a memoria dos bares que están pechados na aldea e estimular ás veciñas e veciños de Cans para que se lancen á produción audiovisual.

Consulta o programa do venres aquí.
E o programa completo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 × 3 =