Delafé traerá a súa forza irresistible a Cans

Delafé, o novo proxecto de Óscar D’Aniello, será o encargado de facer o arranque musical da Noite das Homenaxes do Festival de Cans, como concerto principal no Torreiro do venres día 20 de maio. Aque o teremos presentando esta nova formación, reforzada no directo coas voces de Juliane Heineman y Edurne Arizu de Priscila, e o seu primeiro disco con este novo formato, “La fuerza irresistible” (Warner, 2016). Trátase dunha proposta moi persoal, vitalista e cunha variedade de estilos pouco común, que montará unha gran festa e fará bailar a todo o público co seu inconfundible parafraseado.

Mais D’Aniello non estará en Cans só para presentar o seu novo álbum, senón tamén o documental Ciao Pirla!, protagonizado por el mesmo e que narra a súa emotiva viaxe en bicicleta dende Barcelona a Milán para transportar as cinzas do seu pai ao seu lugar de orixe. O falecemento do seu pai coincidiu coa creación do disco “De mi sin ti” / “De ti sin mi” como Delafé y las Flores Azules, marcou todas as súas letras e pasou a conformar a banda sonora do documental. O Festival de Cans indaga así unha vez máis nos vínculos entre a música e o audiovisual.

A forza irresistible de Delafé

Óscar D’Aniello chega a Cans de total estrea no ámbito musical. Trala súa aventura de máis duhna década con Delafé y Las Flores Azules, presenta o seu novo proxecto musical, Delafé, e o seu primeiro disco con esta nova formación, “La Fuerza irresistible”. Xunto ao seu aliado Dani Acedo pasou os últimos meses elaborando os 11 temas deste álbum, producindo e gravando con Paco Loco no Porto de Santa María e mesturando en Nova York co gañador dun Grammy Tim Latham, que ten traballado con artistas como De La Soul, Erykah Badu, D’Angelo o Black Eyed Peas.

O resultado é unha auténtica licuadora de sons que planea por diversos estilos sempre abrazando o espírito da música negra. Un arsenal de cancións rompepistas e vitalistas que consolidan unha versatilidade moi pouco común na composición musical: pop, hip-hop, soul, funk, electro, disco, e o inconfundible parafraseado de Delafé, a súa enerxía incombustible e a autoría de mensaxes bala. Para enriquecelo aínda máis contou con colboracións destacadas como a voz de La Bien Querida, Carlos Cros, Voxelements, Helena Miquel e mais dúas voces femeninas para o directo: as de Juliane Heineman y Edurne Arizu de Priscila.

Ciao Pirla!, unha emotiva aventura cara ao descoñecido

Durante o proceso de creación do álbum “De mi sin ti” / “De ti sin a mi”, Óscar D’Aniello perde ao seu pai. Esta perda impregnará cada unha das cancións que compoñen este disco e fará que o cantante sinta a necesidade de cumprir unha promesa… a promesa dunha viaxe, unha emotiva aventura cara ao descoñecido para devolver ao seu pai en bicicleta a Desio, Italia, a súa terra natal. Ao longo de 1369 km, fai un percorrido a través dos Pireneos e os Alpes, onde terá a oportunidade de cruzarse con tres dos mellores ciclistas do mundo: o olímpico galego José Antonio Hermida, Joaquím “Purito” Rodríguez e Alejandro Valverde.

4 comentarios en “Delafé traerá a súa forza irresistible a Cans”

    1. Boas Ricardo. A proxección do documental é de acceso libre ata completar aforo. Vide con tempo. Con respecto ao acceso para persoas con diversidade funcional sabes que a aldea ten unha arquitectura difícil e hai cuestións de accesibilidade que se nos escapan, con todo, estamos traballando niso e tentamos facilitala o mellor posible. Cando cheguedes falade cos responsables da sala que vos botarán unha man. Grazas pola consulta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twelve + six =