Coloquio na Leira: Fernando Trueba


Sábado 26 | 12h00 | Espazo Mahou da Leira de Alicia

Fernando Trueba (Madrid, 1955) é, por palmarés, popularidade, prestixio e relevancia cultural, un dos cineastas imprescindibles da historia do cinema español. Igual que tantos grandes do cinema, foi crítico antes de dirixir a súa primeira película, Ópera prima. Dende aquela chegarían dezaseis filmes nunha traxectoria audaz e arriscada, lembrada, como é lóxico, polos seus numerosos éxitos: Sé infiel y no mires con quién, El año de las luces, El sueño del mono loco, La niña de tus ojos, El artista y la modelo ou Belle Époque, coa que gañou o Oscar a Mellor película en fala non inglesa. Un premio que se suma aos seus nove Goyas, a Concha de Prata a mellor director, un Oso de Prata do Festival de Berlín, ou o privilexio de ter colaborado cunha lista de intérpretes que faría o reparto soñado de calquera. Por suposto, están os grandes actores e actrices españois como Penélope Cruz, Carmen Maura, Fernando Fernán Gómez, Antonio Banderas, Ariadna Gil ou Antonio Resines, pero tamén unha serie de estrelas internacionais impresionante: Melanie Griffith, Daryl Hannah, Claudia Cardinale, Jean Rochefort, Ricardo Darín, Jeff Goldblum, Hanna Schygulla ou Miranda Richardson pisaron o plató con Trueba, que tamén colaborou co guionista máis lembrado do cinema español: Rafael Azcona.

Con todo, esta filmografía centrada en éxitos habitualmente ligados á comedia esconde tamén varios xiros máis ou menos inesperados, como o que deu cara o documental musical en Calle 54 e El milagro de Candeal (que por outra parte tiña un antecedente en Mientras el cuerpo aguante, o seu filme sobre Chicho Sánchez Ferlosio) ou a súa celebrada incursión na animación en Chico y Rita. Así mesmo, en paralelo á súa labor de director e guionista tamén produciu películas como Alas de mariposa (de Juanma Bajo Ulloa) ou La buena vida (do seu irmán David Trueba) e foi presidente da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas.

No coloquio da Leira de Alicia poderemos escoitar as experiencias e opinións deste gran contador de historias, que é en si mesmo historia viva do cine español.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

one + eleven =