Coloquio na Leira con Gracia Querejeta

Coloquio na Leira con Gracia Querejeta
Sábado 26 | 17h00 | Espazo Mahou da Leira de Alicia

Poucas persoas teñen no cine español actual unha traxectoria coa relevancia da de Gracia Querejeta (Madrid, 1962). Gañadora dun Goya (pola curta documental El viaje del agua) ou un Premio do Xurado de Donosti (polo guión de Siete mesas de billar francés), a súa vida estivo intimamente ligada ao cinema dende pequena por mor da súa familia: é filla da deseñadora de vestiario María del Carmen ‘Maiki’ Marín e o produtor Elías Querejeta. Sendo nena xa apareceu diante das cámaras en Las secretas intenciones (de Antxon Eceiza, protagonizada por Jean-Louis Trintignant) e Las palabras de Max (de Emilio Martínez Lázaro), pero a súa vocación non era a de ser actriz, e estudou Historia Antiga antes de poñerse detrás da cámara e iniciar a carreira de directora que tanto recoñecemento lle traería.

Na súa obra destaca o tratamento das relacións familiares como tema fundamental e a crítica ten recoñecido especialmente o seu talento para a dirección de actores e actrices e o traballo con intérpretes adolescentes. Este protagonismo de personaxes xuvenís é común á súa primeira longa Una estación de paso, que gañou o Premio Especial do Xurado da Seminci en 1992, a exitosa Héctor, nominada a catro Goyas e gañadora no Festival de Málaga de 2004, e a máis recente 15 años y un día, tamén gañadora en Málaga. Ao longo da súa carreira ten colaborado cun listado de profesionais que amosa a relevancia do seu traballo: guionistas como David Planell, Antonio Mercero, Manuel Gutiérrez Aragón ou seu pai Elías Querejeta, actores e actrices como Bibi Andersson, Joaquim de Almeida, Adriana Ozores, Blanca Portillo, Amparo Baró ou Antonio de la Torre… Entre esas colaboracións destaca a que iniciou con Maribel Verdú en Siete mesas de billar francés, que suma catro filmes con Ola de crímenes, a comedia que estreará este ano.

A maiores do seu prestixioso traballo na ficción, Gracia Querejeta ten protagonizado tamén apreciables incursións no documental, ás veces no ámbito deportivo, como en La roja. De Brasil a Brasil ou Di Stéfano, e ás veces no ámbito político, como o filme colectivo Hay motivo ou Primarias, seguimento realizado con Fernando León de Aranoa e Azucena Rodríguez da campaña que enfrontou a Joaquín Almunia e Josep Borrell polo liderado do PSOE. Tamén explorou a dirección para televisión, onde ten participado en proxectos tan populares como Cuéntame cómo pasó ou Hospital Central, e foi brevemente vicepresidenta da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas.

No día grande do Festival teremos a fortuna de contar con esta prestixiosa cineasta para falar sobre a súa traxectoria de toda unha vida ligada ao cinema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × one =