COLOQUIO NA LEIRA CON RODRIGO SOROGOYEN

Sábado 25 | 12h00 | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

Rodrigo Sorogoyen (Madrid, 1981) é un dos directores españois máis importantes do momento. Dende a estrea de Que Dios nos perdone en 2016, é dicir, hai tan só tres anos, o seu nome comezou a facerse máis e máis popular. O despegue da súa carreira confirmouse este último ano coa nominación ao Oscar pola curtametraxe Madre -protagonizada pola actriz Marta Nieto – e o éxito da súa nova película El reino, gran triunfadora nos últimos Goya. A súa obra conxuga a orixinalidade e a inventiva propias do cine de autor co talento para o cine de xénero, conseguindo integrar no thriller temas de gran impacto social como a corrupción ou a crise económica, a miúdo a través de personaxes complexos que se enfrontan a situacións límite.

Aínda que Rodrigo Sorogoyen comezou a traballar como director e guionista de ficción en coñecidas series de televisión como Impares, La Pecera de Eva ou Frágiles, pronto daría o salto ao cinema. En 2008 debutaba coa comedia romántica 8 citas xunto ao realizador Peris Romano, un preludio ao seu primeiro gran recoñecemento, que non chegaría ata 2013. Ese ano estrea Stockholm, unha película auto-producida e financiada con crowdfunding, que gañou tres Biznagas de Prata no Festival de Cine de Málaga (entre eles o premio á mellor dirección e ao mellor guión novel realizado xunto a Isabel Peña). Logo chegou Que Dios nos perdone, xa cun maior presuposto e confirmando as expectativas: este thriller policíaco no que o contexto social da crise económica se deixaba ver de fondo destacou polas interpretacións de Roberto Álamo ou Antonio de la Torre e foi premiado en San Sebastián. A partir deste punto, o seu nome comezaría a ser coñecido internacionalmente con Madre, unha peza que acumula máis de cen premios, entre eles, o Goya á Mellor curtametraxe de ficción en 2018 a nominación aos Oscar en 2019 na mesma categoría. En xaneiro deste ano estreou El reino, o seu último filme ata o momento. Esta película, que trata sobre a corrupción en España, arrasou nos premios Feroz e nos Goya, levando os galardóns á Mellor dirección, ao Mellor guión orixinal e ao Mellor actor de reparto, para o galego Luis Zahera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

19 + eleven =