CHIMPÍN DE PRATA – PREMIO “DIVINA CAMPOS”: PILAR COMESAÑA

 

Pilar Comesaña. O Festival de Cans concede por primeira vez o Chimpín de Prata “Divina Campos”, bautizado en recordo da nosa veciña, pintora, pandereteira, narradora oral e entusiasta do festival. Este premio servirá para dar un recoñecemento específico a persoas do mundo da comunicación que teñan contribuído a dar a coñecer Cans. Nesta 16ª edición o festival concédelle este pequeno premio á xornalista Pilar Comesaña polas súas máis de tres décadas dedicadas ao xornalismo cultural.

Pilar Comesaña traballa actualmente no programa ZigZag Diario da Televisión de Galicia, continuando unha traxectoria ligada moi de preto á cultura. Ao longo da súa carreira, Pilar ten dirixido programas como Dezine ou Planeta Cine, e participado de publicacións que recolleron a vangarda da creación galega do seu momento, como Compostelán ou Pharo the Bego. No audiovisual ou na prensa escrita, o traballo desta xornalista destaca polo seu compromiso coas creadoras e creadores, dando un necesario espazo a aqueles que comezan as súas carreiras.

Por isto, a asociación Arela, organizadora do Festival, outorga este premio a Pilar Comesaña, en recoñecemento a un traballo imprescindible (e non sempre visible), sen o cal non se pode entender a historia cultural e cinematográfica de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nineteen − 3 =