Café con CREA: coloquio con Borja Cobeaga

Venres 25 | 10h00 | Baixo do Moncho

O Festival de Cans acolle, como cada ano, un encontro da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia. Nesta ocasión o Café con CREA contará coa presenza de Borja Cobeaga, un dos nomes clave da comedia en España nas últimas décadas pola súa capacidade para xuntar a vocación popular coa valentía á hora de empregar o humor para tratar temas polémicos. Así, o conflito vasco aparece como unha constante na súa filmografía, dende a recente Fe de etarras (que retrata a un disfuncional comando de ETA durante o Mundial de Sudáfrica que gañou España) ata Negociador ou mesmo o programa de ETB Vaya semanita, pioneiro na sátira do terrorismo. En moitas delas comparte o crédito polo guion con Diego San José, con quen tamén escribiu Ocho apellidos vascos e Ocho apellidos catalanes, dúas das películas máis exitosas da historia entre o público español.

Como cineasta, a súa longametraxe debut foi Pagafantas, que comparte o foco posto nas relacións de parella co seu seguinte filme, No controles. Non obstante, o mundo da curtametraxe e a televisión serviron como campo de probas para os inicios dunha traxectoria realmente precoz: con nove anos comezou a realizar as súas primeiras curtas en vídeo con amigos e compañeiros de clase, exhibíndoos no salón de actos do seu colexio. Seguiu a súa vocación e estudou Comunicación Audiovisual, na Universidade do País Vasco, unha época na que compartiu piso con outro cineasta fundamental do cine español recente, Nacho Vigalondo. Curiosamente, os dous compaxinaron un tempo a súa labor en televisión coa realización de curtas: ademais de pasar por Vaya semanita, Cobeaga traballou clásicos do reality como Gran hermano ou Confianza ciega ao tempo que dirixía pezas como La primera vez (nominada a un Goya) ou Éramos pocos (nominado ao Oscar e que acumulou máis de 80 premios en todo o mundo). Tres lustros despois acumula un palmarés envexable (Premio do público en Nantes, Premio Irizar en Donosti, Premio Feroz á mellor comedia, Premio da crítica en Málaga), repetidos éxitos comerciais e unha capacidade intacta para mirar a realidade dende o humor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nine − 1 =