O Festival de Cans proxecta mañá as obras gañadoras desta XIV edición

Mañá, sábado 3 de xuño ás 20h00, o público terá a última oportunidade de ver as curtas gañadoras na XIV edición do Festival de Cans na Sala Ingrávida do Porriño.

As proxeccións contarán coa presenza da directora Olga Osorio -de Einstein- Rosen, unha das curtametraxes máis premiadas do último ano- que non puido estar en Cans por atoparse nun festival en Seattle (USA). Ademais, está prevista tamén a participación de membros do equipo do resto de curtametraxes, xa que os directores e directoras viven en cidades como Madrid, Barcelona ou Londres.

Na proxección poderá verse o making of da pasada edición do Festival, O trece crece (de Isaura Docampo e Noemí Díaz); La Madrina (de Pedro Sancho) curta pola que Arantxa Aranguren se fixo co Premio á mellor actriz; Lago sabroso (Borja Santomé), Mención especial do xurado; Einstein – Rosen (de Olga Osorio), Premio do público, Premio do xurado ao mellor guión e Premio do xurado á mellor interpretación masculina ex-aeuquo: Xulio Abonjo e Ricardo de Barreiro; Decorado (de Alberto Vázquez), Premio do xurado á mellor curta de animación; e Aava (de Andrea Zapata-Girau), Premio do xurado á mellor curtametraxe e Premio do xurado á mellor realización.

O prezo da entrada será de 4€ e o aforo de 70 persoas. Os interesados e interesadas en acudir poden facer xa mesmo as reservas na Sala Ingrávida chamando ao número 986 331 622, contactando con eles a través da súa páxina de Facebook ou a través da súa páxina web www.salaingravida.gal

Estas proxecións enmárcanse dentro do acordo que o Festival de Cans ten coa Sala Ingrávida, coa que o Festival promove ciclos de filmes ao longo longo do ano tamén xunto co cineclube “Rebobina”, para darlle visibilidade a curtametraxes e longametraxes que teñen dificultades á hora de ter a distribución que o Festival considera que merecerían. Neste momento, a Sala Ingrávida e o Festival de Cans xa están preparando novos ciclos para continuar co seu traballo de proxeccións anuais.