Máis actividade na Leira de Alicia

A Leira de Alicia, un dos espazos emblemáticos do Festival de Cans, que cada ano acolle o coloquio co director convidado da edición, pasará a ter programación continuada nos días principais do certame, o venres 20 de maio e o sábado 21. Acollerá o Espazo Mahou, empresa que confirmou a súa continuidade como principal patrocinador privado do festival por segundo ano consecutivo. Será unha zona pensada para a conversa tranquila e como un punto de encontro entre profesionais e co público, con carpa e escenario, onde se programarán diferentes actividades relacionadas co cinema e a música.

Os contidos articularanse sobre dous eixos: encontros de cineastas e actuacións musicais, que complementan as proxeccións audiovisuais do Jalpón de Alicia. O apartado musical, pensado en formato acústico para recuperar o ritmo lento da conversa no medio do frenesí do Festival, abrirá o venres cun concerto sorpresa promovido por Mahou, que se anunciará nos vindeiros días e que estará protagonizado por unha das persoas máis relevantes da escena musical actual. Só terá un aforo para 450 persoas e buscará que haxa público en Cans xa na tarde do venres 20 de maio, antes do desfile de chimpíns e o comezo da Noite das Homenaxes.

Leira1

Ao longo do sábado haberá máis música, con concerto do mítico Joao Tomba reencarnado no músico vigués Indy Tumbita, logo de presentar o documental “Joao Tomba, el regreso” no Jalpón de Alicia. Ademais teremos unha sesión de DiscoChimpín moi especial, pensada como sesión de música contada sobre os grupos ye-yé en Galicia, moitos deles inéditos e que nos descubrirá Dj Shy Boy, ou sexa Alfonso Espiño (cantante de Los Chavales), un experto na materia. Así mesmo, rescatará varias curtametraxes musicais dos anos 60 e 70 que se crían perdidas, pequenas xoias audiovisuais que se recuperarán en Cans tamén para a súa proxección no Jalpón de Alicia.

Ademais do director e directora do coloquio na leira deste ano, por alí pasarán todos os curtametraxistas da sección oficial a concurso. Será nun formato informal denominado “Dalle caña”, creado como punto de encontro dos novos creadores e destes co público, ao tempo que toman tranquilamente unhas cervexas servidas por expertos tiradores.

Alicia1

Deste xeito énchese de actividade a mítica leira de Cans, cedida pola veciña Alicia Sánchez, a colaboradora de maior idade do certame. Ten 88 anos e cada ano recibe con entusiasmo a toda a xente que pasa pola súa leira e polo seu jalpón, que este ano terán especial protagonismo. É por iso que o festival quixo renderlle unha pequena homenaxe nas súas camisolas de edición limitada, deseñadas en honor ela, cun debuxo da súa cara e co lema “Alicia Calidade”.

Ambos os dous días, venres e sábado, a leira permanecerá activa ata case a medianoite, momento no que a vitalidade do certame se concentrará no Torreiro como nas anteriores edicións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

five × one =