Emma Lustres, Pedigree 2016

A asemblea do Festival de Cans decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos. É o caso de filmes como El Desconocido e Celda 211. O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo o seu labor como impulsora dos creadores galegos, nomeadamente os novos realizadores.

Impulsora dos profesionais galegos

Malia a súa xuventude, Emma Lustres (O Grove, 1975) xa conseguiu multitude éxitos coa súa produtora Vaca Films, coa que recibiu o Goya ao mellor filme por Celda 211, un dos filmes de maior éxito dos últimos anos, que se fixo en total con oito Goyas, incluído o de mellor actor para Luis Tosar. Este ano, xunto co seu socio Borja Pena, volveu lograr oito nominacións con El Desconocido, sen dúbida unha das producións do ano, que conseguiu finalmente dous galardóns, o de mellor montaxe para Jorge Coira e o de mellor son con David Machado formando parte do equipo. Esta producións vén de postularse tamén como favorita nos Premios Mestre Mateo, con 15 nominacións, entre elas as de mellor longametraxe, dirección, interpretación masculina e interpretación feminina. Este é precisamente un dos feitos que o Festival de Cans valora para concederlle o Premio Pedigree, a gran visibilidade e as oportunidades que lles dá como produtora aos profesionais galegos, tanto directores, como técnicos ou actrices e actores.

Dentro desta visibilidade, o Festival de Cans considera a Emma Lustres unha figura incuestionable no apoio aos novos realizadores galegos procedentes das curtametraxes, para apostar polos seus primeiros filmes. Este ano foi Dani de la Torre con El Desconocido, pero con anterioridade destacan Alejandro Marzoa con Somos gente honrada ou Luis Avilés con Retornos. Todos eles pasaron como curtametraxistas polo Festival de Cans e nos casos de Dani de la Torre e Alejandro Marzoa foron premiados en máis dunha ocasión. É por iso que o festival tamén quere recoñecer expresamente este traballo de Emma Lustres como impulsora dos creadores galegos.

"INVASOR" RODAJE 13.12.2011

Cuarta muller co Premio Pedigree

Será a cuarta muller que recibe o premio Pedigree, despois de María Bouzas, María Pujalte e Mabel Ribera. O festival avanza así no seu compromiso de potenciar o traballo das profesionais do audiovisual galego, aplicando a medida do seu Decálogo de visibilidade das mulleres que recolle a vontade de que non pasen dúas edición sen que unha muller reciba este galardón. Emma Lustres recollerá así o testigo Javier Gutiérrez, homenaxeado o ano pasado, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes, o venres 20 de maio. Continúa así completándose un grupo de recoñecidos Premios Pedigree compartido tamén con Luis Tosar, Celso Bugallo, Antón Reixa, Chete Lera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, Antonio Durán “Morris” e Manuel Manquiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

8 + 4 =