Chimpín de Prata 2017: Feliciano Bernárdez “Xano”

Cada ano, o Festival de Cans concede tamén un Chimpín de Prata aos veciños e veciñas que participan activamente na súa celebración. Nesta edición, o Chimpín de Prata irá a parar ás mans de Feliciano Bernárdez “Xano”, o chimpineiro máis veterano do Festival de Cans con 77 anos.

O chimpín de Xano ten levado a ducias de directores, directoras, actores, actrices e personalidades que visitan o festival. O premio a Xano quere ser tamén un recoñecemento ao patriarca dunha familia moi implicada co festival: desde a súa filla Rosa, coordinadora dos guías dos camiños, ata os seus netos Mario e Óscar, que comezaron acompañando ao seu avó no chimpín e agora son membros activos na organización do certame.