Cans reordena a súa programación dándolle unha nova dimensión ao xoves do Festival  

O Festival de Cans reforzará nesta edición a súa programación para o xoves 25 de maio, no que terá lugar o habitual concurso de videoclips da Noite Gía, convertíndoo nunha xornada na que convivirán o audiovisual, a música, a gastronomía, a literatura e as artes plásticas con actividade dende a mañá ata a noite.

Xa ao comezo do día, o libro “Cans” -que o escritor Carlos Meixide levou a cabo nunha das estadías artísticas que promove o Festival-, será o protagonista dun roteiro literario no que o propio autor guiará ás persoas asistentes polos recunchos e puntos da parroquia nos que se desenvolve a historia. O público poderá sentirse protagonista das aventuras que narra a novela visitando lugares coma o vello túnel do Confurco.

A tarde do xoves 25 de maio, ademais de acoller a estrea mundial de “A historia dun satélite”, das Also Sisters e o habitual desfile de chimpíns que acompaña á longametraxe de estrea do Festival, albergará esta vez moitas outras sorpresas polas que tamén pasan a música e a gastronomía. Para quecer o ambiente de cara á Noite Gia dos Videoclips, chegarán á Praza do Concello de Porriño os irmáns mellizos Héctor e Nico Iglesias, máis coñecidos como Electric Feels. Estes novísimos DJs de 14 anos xa contan cunha dilatada experiencia actuando en diversos festivais coma o Sinsal, O Marisquiño, AtlanticFest, Ourense ICC Week, MadCool, Osa do Mar ou mesmo sendo escollidos polo propio Bunbury para abrir un dos seus shows.

Para facer as delicias dos asistentes que asistan á pinchada destes dous talentosos irmáns, os cociñeiros Rafa Centeno e Inés Abril, do restaurante con Estrella Michelin Maruja Limón, ofrecerán tamén esa mesma tarde un showcooking co patrocinio de Mahou e o apoio de Lasal Cocinas. Ambos prepararán, ante o público unha selección de “Tapas de Cinema” nas que integrarán a gastronomía coa sétima arte.

Noite Gia con Escuchando Elefantes

Precedendo á Noite Gía e continuando a liña establecida o ano pasado coa celebración dun encontro entre directores/as de curtametraxes do certame, ás 18h00 do xoves 25 de maio no bar Liceum do Porriño celebrarase o primeiro encontro de realizadores/as de videoclips do Festival de Cans. A actividade estará presentada por Marta Gómez e Manu Viqueira e nela, os creadores e creadoras poderán debater e intercambiar opinións sobre as diferentes liñas de traballo á hora de xerar este tipo de contido audiovisual.

A  Noite Gia, pola súa banda, desenvolveráse na Praza do Concello do Porriño e constará do concurso de videoclips do Festival de Cans e unha actuación posterior do grupo Escuchando Elefantes. Esta banda -formada por Silvia Rábade e Carlos Tajes- é actualmente unha das favoritas do público pola forza e o dinamismo que tansmiten en cada unha das súas cancións. Tras percorrer Europa compartindo experiencias con músicos como Bono, Kodaline ou Lisa Hannigan, chegarán ao Festival de Cans para presentar en concerto “Hope”, o seu novo traballo.

Antes da actuación terá lugar o concurso de videoclips do Festival de Cans, un evento de enorme popularidade que representa o gran escaparate do último que se está a facer en Galicia. A selección deste ano reflicte a rica diversidade de grupos e de creadores, con estilos moi variados á hora de facer música ou de crear videoclips. Nesta 14ª edición do festival poderemos escoitar pop, rock, folk, hip-hop, ska ou incluso metal como ritmos protagonistas de pezas dirixidas por vellos coñecidos do Festival como Javi Camino, Fran X. Rodríguez ou Soledad Rebollo e unha nova xeración de realizadores como Antón Varela ou Sara Iglesias.

  1. Ánima, “La arquitectura del hielo”. Dirixe: Miguel Ángel Fernández Barri
  2. Arrhythmia, “Tan só notas”. Dirixe: Álvaro López Barreiro
  3. Avecrem, “Bosnia y Herzegovina”. Dirixe: Sara Iglesias
  4. Cintaadhesiva, “O deserto”. Dirixen: Jesús Tejada e Silvia Penas
  5. Dakidarría, “Lume”. Dirixe: Julián Maguna
  6. Escuchando elefantes, “Volveré”. Dirixen: Carlos Tajes e Sílvia Rábade
  7. Ezetaerre, “Mao a mà”. Dirixe: Juan Sebastián Pirola
  8. Guadi Galego, “Vida”. Dirixe: Carlos Lago “O Terser Home”
  9. Igloo, “Restos de un naufragio”. Dirixe: Fran X. Rodríguez
  10. Linda Guilala, “Abstinencia”. Dirixe: Javi Camino
  11. Malandrómeda, “Bótalle caldo”. Dirixe: Manuel Caamagno
  12. MoonCresta, “Sweet Innocence”. Dirixe: Juan Martínez
  13. Oh! Ayatollah, “Mi re la”. Dirixen: Xaime Miranda e Antón Miranda
  14. Selvática, “Mi cuidad”. Dirixe: Carlos Martínez-Peñalver
  15. Sr. Anido& Sra. Álvarez, “It came from outer space IV”. Dirixe: Javi Álvarez
  16. Van Marban, “Dutch girl”. Dirixe: Gero Costas
  17. Villanueva, “Ella”. Dirixe: Soledad Rebollo
  18. Woyza, “Pelea”. Dirixe: Isaura Docampo
  19. Ivy Moon, “Hallucinogenic”. Dirixe: Antón Varela

O xurado dos clips estará formado por Marta Gómez -xornalista musical-, Judas Diz -realizador-, Marta Larralde -actriz- e Manu Viqueira –recoñecido creador audiovisual e autor do último videoclip da banda estadounidense GreenDay–. Ademais, Manu Viqueira estreará mundialmente no marco do Festival o seu último clip “Antisocial”, feito para a banda Soziedad Alkoholika.

Reformulación do can de Cans

Nesta edición do Festival, o can de Cans -inconfundible icona representativa do certame- poderá verse con centos de apariencias diferentes polas rúas de Porriño. Ademais da intervención á que se someterán os cans da Can Parade, uns 500 mestres e alumnos de centros educativos do Concello exporán tamén o seu particular xeito de ver ao famoso can amarelo. Estudantes de oito centros da vila participarán no proxecto “Debuxa Cans” a través do que decorarán as rúas da vila durante o Festival e levarán a cabo na tarde do xoves 25 de maio unha visita guiada por eles mesmos percorrendo os diferentes deseños que proporán.

Ademais, o Festival continúa coa venda de entradas que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 27 de maio. Poderán adquirirse ata mañá, 5 maio ás 23h59 a través da nosa tenda oficial en packs de entrada+camiseta pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do certame.