Can Parade 2016

Volvemos abrir convocatoria para a que é xa a nosa cita anual coa arte e cos creadores e creadoras máis novos: a Can Parade. A través desta iniciativa queremos convidar a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do noso emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais.

As persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 22 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr…) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla.

Unha comisión de persoas da organización do Festival, coordinada por Alberto Alcalde, escollerá aos 10 creadores finalistas. Nesta edición, con motivo do Ano Castelao promovido pola Deputación de Pontevedra, valoraremos tamén á hora de realizar a selección o uso de motivos relacionados coa obra gráfica e plástica deste autor.

A organización facilitarlles a silueta do Can de Cans en gran formato ás dez persoas seleccionadas para que poidan plasmar a súa creatividade sobre ela. O resultado poderá verse na noite do xoves 19 de maio no Calexón de San Sebastián do Porriño, durante a Noite Gia dos Videoclips, que suma a estrea da Can Parade ao concurso de videoclips e a música en directo na rúa. O público asistente poderá votar a peza que máis lle guste e o autor ou autora do Can gañador recibirá o trofeo do festival deseñado polo escultor local Paco Candán. Así mesmo, a súa obra pasará a formar parte da colección de arte do Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, entidade patrocinadora desta actividade.

Para que cheguen a máis xente, cada unha das pezas expoñerase nunha das salas de proxección do festival durante o seu día grande, o sábado 21 de maio. Os obxectivos principais desta actividade, xa de programación permanente no certame, son dar a coñecer o traballo de artistas e colectivos artísticos emerxentes, sacar a arte á rúa e dinamizar un espazo público pouco transitado, malia estar no centro da vila. Nas últimas edicións participaron artistas das máis diversas disciplinas, tales como fotógrafos, graffiteiros, creadores de artes plásticas ou debuxantes de banda deseñada, e das catro provincias galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 × three =