De que vai

O Festival de Cans é un festival moi especial. Os que o facemos sempre dicimos que posiblemente non sexa o mellor festival do mundo, pero si o máis diferente. Cans celébrase sempre o terceiro ou cuarto fin de semana do mes de maio, coincidindo cos nosos primos do Cannes de Francia. Con ese paralelismo entre os dous nomes comezou un día como unha broma o Festival de Cans. Era pouco menos que un xogo fonético, pero pouco a pouco todo foi collendo unha dimensión que nos sorprendeu. Desde o ano 2004, ó que asistirion 500 persoas nunha tarde de sábado, empezamos a acoller visitantes sen parar, e xa estamos por enriba dos 13.000 espectadores que agora recibimos nos catro días que dura o evento.

Cans é un festival de curtametraxes de produción galega, onde a música tamén xoga un papel moi relevante. Durante o festival, a aldea transfórmase completamente. Hai dez espazos que se converten en salas de proxección, e que durante o ano son adegas, alpendres, jalpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas.

Outros espazos, como placas de casas en construción, galiñeiros, camións ou leiras convértense en lugares para actuacións musicais e actividades paralelas. E a xente trasládase frenéticamente dun lado a outro en chimpín -os pequenos tractores domésticos- como se estivesen vivindo nun filme de Kusturica.

A broma foi converténdose nun gran punto de cita de público e profesionais. Ademáis do festival de curtas hai estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, roteiros sonoros e un feixe de actividades que se reparten entre a aldea e o núcleo urbano de O Porriño. Durante uns días, Cans convértese nun espazo no que se produce un terremoto cultural. Fronte á sofisticación e o glamour da Costa Azul, o noso festival ofrece altas doses de autenticidade e diversión no medio das leiras. É o que se chama Agroglamour, a esencia que define ao evento.

O Festival de Cans toma por completo a aldea. O Torreiro (a praza da igrexa), convértese no centro da festa onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios, a estrada central córtase e convértese no Cans Voulevar, cheo de música e agasallos, o Parque do Río pasa a ser o Espazo Minicans adicado ós nenos e en todos os currunchos hai unha programación intensa e diversa de cine e música. Os espazos cotiás perden a súa privacidade e os veciños e veciñas cédenos para seren de uso público por uns días. O Cuberto de Chelo, o Cuberto do Pato, o Baixo de Carlos, o Baixo de Alfonso, a Casa do Pedreiro, o Jalpón de Alicia, o Baixo do Carreira, a Casa de Mari, o Baixo de Bugarín ou o Baixo do Moncho convértense en salas de proxección transformadas polas pantallas construidas na aldea polos carpinteiros Silvino e Juan Maceira, e pola herba empacada e as táboas onde senta o público a ver os filmes.

Hai curtas de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ou webseries. A creación galega máis emerxente pasa por Cans, que se converte na gran plataforma de visibilidade dos novos creadores. Cans é unha mestura que non é fácil de definir pero ante todo unha experiencia marabillosa que hai que vivir. Por iso todo o mundo repite. Se ves un ano, seguro que volves. Esa é unha máxima infalible.