Bases

A Asociación Cultural Arela abre o plazo de admisión de curtametraxes e de videoclips para participar na XIV edición do Festival de Cans, que terá lugar entre o 24 e o 27 de maio de 2017.

As bases do consurso son as seguintes:

1. As curtametraxes e videoclips que se presenten a concurso deben ser obras galegas dos anos 2016 e 2017. A efectos de participación neste festival, por curtametraxes galegas enténdese pezas producidas por produtoras de Galicia ou de fóra de Galicia pero cuxo director ou directora sexa galego. Os videoclips que se presenten deben ser de grupos galegos, ou alomenos constatar que unha parte dos seus membros son galegos e estar dirixidos por directores ou directoras galegos.

2. Aínda que non sexa condición indispensable, valorarase que as obras a concurso sexan estreas absolutas e que non foran aínda amosadas publicamente e así se fará constar nas observacións da ficha de inscrición. Tamén se valorará nas obras que o equipo técnico e o reparto estea formado por técnicos e actrices e actores galegos.

3. Establécense as seguintes categorías a concurso:

  • Curtametraxes de ficción ou non-ficción.
  • Curtametraxes de animación (nota 1).
  • Videoclips.
  • O certame admitirá todo tipo de curtametraxes que puidesen ser incluidas noutras seccións fóra de concurso, como documentais, capítulos de webseries ou outras pezas audiovisuais. De feito, non se descarta abrir novas categorías a concurso en función do material recibido. En todos os casos se valorará que as pezas non foran estreadas previamente.

(nota 1) A categoría de animación só entrará como categoría a concurso no caso de que a organización seleccionase un mínimo de tres curtas en competición oficial. De non ser así, a organización resérvase a opción de traspasar a cantidade destinada a este premio a outras categorías que se poidan abrir dentro do festival.

4. A duración de cada curtametraxe non superará os 30 minutos, con créditos da obra incluidos.

5. A data límite para enviar as pezas será o domingo 5 de marzo de 2017 ás 23.59 horas. A inscrición terá un prezo de 2 euros e farase a través do portal web festhome no seguinte link https://festhome.com/f/cans completando todos os pasos que nel se indican. Para calquera dúbida ao respecto, as persoas interesadas poderán contactar co correo concurso@festivaldecans.com.

6. Todas as curtametraxes e o material audiovisual que se envíe para concursar e participar en Cans deberán ter o seguinte formato de proxección: .MOV ou .MPEG (codec H264)/ bitrate max 15000 kbps, audio AAC. Resolución: 1280 x 720 ou superior.

7. As obras seleccionadas para a competición oficial recibirán unha notificación nos trinta días anteriores a celebración do evento, coñecerano de xeito privado antes de que se faga público. Posteriormente comunicarase os non seleccionados.

8. As obras seleccionadas serán exhibidas dentro da programación do XIV Festival de Cans que terá lugar do 24 ó 27 de maio de 2017.

9. Na ficha de inscrición da obra debe especificarse claramente quen é o ou a representante legal da obra. En caso de ser premiada cunha dotación económica, o ou a representante legal será quen ingresará a cantidade correspondente. Así mesmo, o autor/a ou representente legal da curta comprométese a presentar obras onde as imaxes e as músicas sexan orixinais ou no seu caso teñan o permiso necesario para utilizalas, que deberán adxuntar se así o require a organización.

10. A organización resérvase o dereito de empregar ata o 10% do minutado de cada peza seleccionada para uso promocional do festival e das propias obras.

11. As obras seleccionadas non se devolverán aos autores, pasando formar parte do arquivo do festival.

12. As obras gañadoras poderán ser exhibidas integramente, despois da celebración do evento, nun circuito de actos promocionais do Festival de Cans a celebrar en varias localidades galegas, españolas e doutros países, previa comunicación á persoa responsable legal da obra.

13. Establécense tres xurados:

  • Xurado de curtametraxes,
  • Xurado de videoclips e
  • Xurado especial dos veciños de Cans.

Os xurados de curtametraxes e de videoclips estarán formados por profesionais dos ámbitos do cine, do audiovisual, da música, da comunicación e da cultura (ver criterios para a composición do xurado). Serán anunciados antes do inicio do festival e a súa decisión será inapelable. Os xurados poderán establecer as mencións especiais que consideren oportunas.

Para os premios do público, as votacións efectuaranse mediante papeleta que se dará aos asistentes a cada sesión. Será gañadora en cada categoría a obra coa mellor media aritmética, resultante de dividir a puntuación total obtida en cada sesión entre o número de votantes e sumar despois as medias obtidas pola obra en todas as sesións.

Os premios poderán quedar desertos se algún dos xurados así o decide.

14. Establécense os seguintes Premios, coa dotación económica e/ou os galardóns que se indican (nota 2):

  • Premio do xurado á Mellor Curtametraxe: 2.000€ e Can de Pedra.
  • Premio do público á Mellor Curtametraxe: 1.500€ e Can de Pedra.
  • Premio do xurado á Mellor Curtametraxe de animación: 1.500€ e Can de Pedra (nota 3).
  • Premio do xurado ao Mellor Guión: 300€ e Can de Pedra.
  • Premio do xurado á Mellor Realización: 300€ e Can de Pedra.
  • Premio do xurado ao Mellor Actor: 250€ e Can de Pedra.
  • Premio do xurado á Mellor Actriz: 250€ e Can de Pedra.
  • Premio do xurado dos veciños á Mellor Curtametraxe: Can de Pedra.
  • Premio do xurado á Mellor Banda Sonora Orixinal: Can de Pedra.
  • Premio do xurado ao Mellor Videoclip: 500€ e Can de Pedra.
  • Premio do público ao Mellor Videoclip: 300€ e Can de Pedra.

(nota 2) Todos os premios están reflexados en cantidades brutas. Sobre eles aplicaranse no seu momento as correspondentes retencións esixidas según a lei vixente.
(nota 3) O premio do xurado á mellor curta de animación só se concederá no caso de que haxa un mínimo de tres curtas de animación seleccionadas para participar na competición oficial. De non ser así, a organización resérvase o uso desta dotación ou de parte dela para distribuila entre novas categorías que poidan xurdir no festival.

A participación nesta convocatoria implica a aceptación destas bases.

Bases do XIV Festival de Cans (pdf)